A Casa da Cultura de Ordes foi o lugar elixido para a presentación do proxecto Galitex, centrado na reinserción laboral de persoas vinculadas ao sector textil.

Data: 
mércores, Marzo 21, 2018
Fonte: 
lindeiros

Galitex é unha proposta da Xunta de Galicia aprobada pola Comisión Europea en prol da empregabilidade. Ten un investimento de 1.200.000 € cofinanciados pola Comisión Europea a través do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (60%) e a Xunta de Galicia (40%). Covadonga Toca e María Cotinho, secretaria xeral de Emprego e subdirectora xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia respectivamente, foron as principais encargadas de explicar a posta en marcha, requisitos e vantaxes deste “plan á carta”. As medidas propostas van encamiñadas a brindar asistencia profesional e personalizada, mellorar ou reciclarse profesionalmente, promover o espírito empresarial, e incentivar a conciliación laboral e familiar. Segundo as estimacións da Xunta poderanse beneficiar algo máis de 303 traballadores, dos que o 83,5% son mulleres con idades comprendidas entre os 30 e 54 anos, que poderán acceder a un plan integrado. Estará composto por unha serie de medidas adaptables ás necesidades de cada persoa con seguimento e apoio individual ata conseguir a súa reinserción no mercado laboral.

Incentivos

As actuacións de diversa índole previstas divídense en seis programas distintos. O primeiro é o de acollida e diagnóstico inicial de cada caso. Seguiranlle as medidas de sensibilización, que entre outras iniciativas inclúen obradoiros de xestión de cambio, obtención de certificados profesionais, retorno ás aulas de emprendemento etc. O terceiro punto é o programa de orientación, no que se inclúe a fórmula do autoemprego, para dar paso ao programa de formación que pode centrarse nas competencias básicas para a activación laboral, formación transversal, recualificación fóra e dentro do sector e autoemprego. A quinta fase pasa polo apoio á recolocación e o seguimento de cada persoa para, xa de último, levar a cabo o programa de incentivos que facilitan o acceso a axudas para desprazamento, coidado de fillos, fillas e persoas dependentes, prácticas en empresas etc.

Novo plan

A iniciativa de creación de recursos de inserción está concretamente dirixida a mulleres e homes afectados polos expedientes de regulación de emprego comprendidos entre o 30 de xullo de 2016 e o 30 de abril de 2017 das empresas Caramelo, Confeccións Deus, Deus Creaciones, Viriato e Shivshi.

Neste aspecto tanto José Luis Martínez Sanjurjo como Susana García, alcalde e concelleira de Emprego do Concello de Ordes, tamén presentes no acto, solicitaron a creación dun plan similar do que se poidan beneficiar aquelas persoas que quedaron sen traballo nun período distinto ao estipulado pola Comisión Europea. Unha petición que foi ben acollida pola secretaria de Emprego. Outras das persoas que participaron na presentación levada a cabo hoxe foron Alberto Rocha, secretario xeral de Cointega; Cristóbal Álvarez, de CCOO, e Ánxeles González, de UXT Galicia.