O Proxecto Galitex axudará en Ordes a 300 traballadores

Data: 
xoves, Xuño 7, 2018
Fonte: 
El correo gallego

Esta iniciativa, posta en marcha pola Xunta, apoia a inserción laboral no ámbito do textil.

O sector textil é dende logo fundamental para a comarca ordense, pero en pouco máis de dous anos víronse afectados polo peche das empresas de confección 300 traballadores, especialmente mulleres. Para axudar a insestarse no mercado de traballo a estas persoas, a Xunta anunciaba onte a posta en marcha do proxecto Galitex. Esta iniciativa, baseada nun convenio coa Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega) e cos sindicatos CCOO e UXT, contará cun orzamento de 1,2 millóns de euros destinados á reinserción laboral dos traballadores de distintas empresas da zona que pecharon, para que así poidan atopar novos empregos no mesmo sector ou noutras industrias.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, explicou que entre as actividades que se van desenvolver no programa están os obradoiros á carta, a orientación laboral individualizada e os programas de formación e de inserción laboral. Dende a Xunta prevese que un 70% dos beneficiarios potenciais poidan mellorar a súa empregabilidade e que un 45% como mínimo das persoas que se impliquen nos itinerarios completos atopen un traballo. Feijóo lembrou ademais que Galitex chega avalado por outros dous proxectos sectoriais nos que colaboraron os sindicatos e que tamén tiveron financiamente europeo.

Por un lado, o presidente da Xunta refiriuse a Empregatex, unha iniciativa do 2010 destinada tamén ao sector textil e que logrou reincorporar ao mercado laboral a 245 persoas, o 64% dos participantes. A outra á que fixo mención foi Empreganav, que se celebrou en 2012 para persoas desempregadas dos sectores do metal e do naval e co que 274 persoas conseguiron traballo.

 

O Proxecto Galitex axudará en Ordes a 300 traballadores