A xornada de peche do proxecto de Galitex, que foi clausurada polo Alcalde Ordes, J. Luis Martinez, e polo Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, tivo como broche final a entrega ás persoas beneficiarias das actividades levadas a cabo, dos Certificados de participación.
O proxecto incluíu un diagnóstico inicial, axuda na busca de emprego, formación, accións de intermediación laboral, incentivos e un seguimento personalizado
Ordes, 6 de novembro de 2019.As persoas participantes no proxecto Galitex, iniciativa da Xunta de Galicia cofinanciada pola Unión Europea para a reinserción laboral das persoas afectadas polo desemprego no sector téxtil na comarca de Ordes, recibiron un certificado de participación de mans do Conselleiro de Economía, Emprego e Industria na xornada de clausura do proxecto. O Alcalde de Ordes e os responsables dos axentes sociais, Cointega, CCOO, e UGT acompañaron ó Conselleiro neste acto de entrega.
Francisco Conde sinalou que “Galitex é o exemplo de como converter un problema, como a perda de traballo, nunha oportunidade para impulsar a formación e mellorar a empregabilidade”. Por outra parte, o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, agradeceu o traballo dos axentes sociaise tamén aos participantes pola súa valentía por emprender un novo camiño laboral. “Galitex amosou que calquera momento é bo para mellorar a cualificación profesional e comezarunha nova traxectoria”, apuntou Conde.
Neste sentido, o proxecto ofreceu aos participantes un diagnóstico inicial, axuda especializada na busca activa de emprego, formación tanto en competencias básicas como transversais, así como para a recualificación profesional e para a especialización no téxtil; accións de intermediación laboral; incentivos e un seguimento personalizado.
Ademais, a xornada de clausura de Galitex serviu para repasar o conxunto de actividades realizadas durante o proxecto. Este balance estivo a cargo da Subdirectora Xeral de Relacións Laborais, María Coutinho. Por outra parte, tres das usuarias realizaron unha exposición de boas prácticas. Neste caso interviñeron Luz Rodríguez Ríos, María Isabel López e María Elena Couselo Domínguez.
A xornada de clausura contou coa presenza da Secretaria Xeral de Emprego, Covadonga Toca, que tivo ocasión de intercambiar impresións coas persoas usuarias de Galitex e facer balance conxunto do proxecto. Das 136 persoas que participaron de xeito activo, actualmente o 45% está traballando, 7 de cada 10 en sectores diferentes ao téxtil.
